mércores, 20 de decembro de 2017

PROXECTO "SANTIAGO MEDIEVAL" NO PROGRAMA DE RADIO, "VOCES DE COMPOSTELA"


Onte comezamos unha colaboración co programa de RadioVoz "Voces de Compostela" que dirixe o xornalista Alberto González. Carlota, Marta e Jose, xunto ao profe Fran, desprazáronse ate o estudio de radio para participar nunha entrevista e explicar en que consistirá o proxecto que imos a levar a cabo en común, baseado no PDI "Santiago Medieval". Unha gran experiencia para todos/as. A partir de xaneiro faremos unha colaboración semanal en dito programa. En breve colgaremos o audio para os/as que non o poidechedes escoitar en directo.






xoves, 6 de xullo de 2017

Amosamos a continuación unha montaxe de fotos que fixo a profesora Liliana sobre o Museo Medieval que montamos polos corredores do cole cos moitos traballos que fixeron nas distintas titorías e especialidades. Bo verán.


luns, 22 de maio de 2017

Visita ás Cubertas da Catedral dos de Infantil de 5 anos.

O pasado venres, o alumnado de Infantil de 5 anos  visitaron as cubertas da Catedral, toda unha aventura e experiencia!! Pinchade no enlace de abaixo para vivir con eles/as esta viaxe.

                                                 Cubertas Catedral Infantil 5 anos.

venres, 19 de maio de 2017

SAÍDA DOS DE 5º PRIMARIA ÁS CUBERTAS DA CATEDRAL E MUSEO DAS PEREGRINACIÓNS.

Onte, o alumnado de 5º de primaria, fixeron unha das saídas máis esperadas do curso, a das Cubertas da Catedral. Logo dun pequeno percorrido polas salas do Pazo de Xelmírez subiron ás cubertas para gozar dunha visión totalmente distinta da zona vella e da Catedral. Ademais comprobaron ben pretiño o son da Berenguela. Despois de repoñer forzas na Praza do Obradoiro fixeron a visita ao Museo das Peregrinacións, onde poideron comprobar e ver moitas das cousas traballadas no colexio dentro do proxecto Santiago Medieval.




luns, 15 de maio de 2017

VISITA DE MARTA GONZÁLEZ VÁZQUEZ

    O venres 12 tivemos a inesperada visita de Marta González Vázquez, doutora en Historia Medieval e profesora universitaria, e que actualmente exerce como Diputada no Congreso dos Diputados. Marta quixo achegarse ao centro para ver a Mostra Medieval e en especial o apartado de Oficios que traballaron os alumnos/as de 1º de primaria baseándose en investigacións que fixera ela, entre outras fontes. Agradecemos moito a súa visita sabedores da súa apretada axenda.



 

venres, 5 de maio de 2017

VIDEOS MOSTRA MEDIEVAL

EXPOSICIÓNS POLOS CORREDORES

Nesta montaxe podedes comprobar o traballo que durante estes meses levaron a cabo nas distintas aulas para traballar as temáticas variadas en torno a Santiago no Medievo.


MOSTRA MEDIEVAL


Hoxe tivemos o día grande do proxecto. Non coma colofón, xa que o proxecto continúa, pero si como un día especial para gozar e trasladarnos ate a Idade Media.
A pesar de que o tempo meteorolóxico estaba disposto a estragarnos a festa, non o conseguiu grazas ao Plan B que tiñamos programado. Aínda que perxudicounos á hora de poder ver  e escoitar mellor aos artesáns e exhibicións.
Agradecer a moitísima xente que esto se poidera levar a cabo: ó alumnado e profesorado, ós pais/nais (ANPA), ós mestres e aprendizes da Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo, aos profes e alumnos da Asociación Fonte da Virxe que foi moi especial a súa colaboración, á Asociación de Xogos Populares de Santiago, a Compostela Esgrima, ás nais Mónica e Tamara polo seu arte, unha coma cesteira e outro coa danza e ós músicos que a acompañaron, ao ferreiro Leis, ós de Suévia (Recriaçom histórica do Reino de Galiza) e á artesá do coiro JataFarta. Non podemos esquecernos da filloeira que non daba feito a abastecer a todo o alumnado, aínda que ao final poideron todos degustar polo menos unha filloa e a Borja, que coa súa espectacular "Queimada", saciou a sede dos presentes. Finalmente aos pais que pertencen á comisión da Festa Medieval de Sar, tamén expresarlle a nosa gratitude por colaborar na decoración do centro. Esperamos non esquecernos de ninguén.

Pouco a pouco iremos subindo ao blog máis fotos e vídeos.



Santiago Medieval



xoves, 4 de maio de 2017

MOSTRA PARA PAIS/NAIS

Hoxe tocoulle a quenda aos pais e nais para visitar a Mostra "Santiago Medieval". A pesar da gran previsión de asistencia coa que contabamos,houbo momentos, por sorte, de moitos familiares que se achegaron a ver a Mostra e os tempos non saíron como tiñamos pensado polo que houbo certos momentos de caos ou quedaron pais/nais sen poder vistar todo, polo que pedimos desculpas. De todos xeitos o traballo está feito e pode facerse a visita con calma ate polo menos, final de curso, como xa vos recomendamos. A pesar dos nervos, foi unha gran xornada na que todos, alumnado, profesorado e pais/nais poidemos gozar co proxecto.
Ademais poidemos "desestresarnos" un pouco, grazas a actuación que nos brindou Guadi Galego e que tanto nos gustou.
Grazas a todos/as.






mércores, 3 de maio de 2017

Mostra para o alumnado.

Hoxe están facendo, os titores/as cos seus alumnos/as, o percorrido polos corredores do colexio para ver parte da información que recolleron e traballos que realizaron nas distintas aulas. Evidentemente a Mostra paga a pena vela con pausa e deténdose en cada información. Por iso teremos tempo para facer o percorrido, con máis calma, durante estas semanas ate final de curso.
Existe información  a través de códigos QR e da aplicación Aurasma, polo que sería interesante que os pais/nais tiveran esas aplicacións nos móbiles cando viñeran a ver a Mostra.




MOSTRA "SANTIAGO MEDIEVAL"

Hoxe comezan os días grandes do proxecto. É o momento de amosar todo o traballado e investigado. Hoxe será a quenda para o alumnado, mañán xoves para pais/nais e o venres esperamos celebrar a gran festa con artesáns, exhibicións, xogos, música e danza. De todos xeitos o proxecto non remata aquí, xa que continuará ate, polo menos, finais de curso. Graciñas a todos/as pola colaboración. 





.

mércores, 26 de abril de 2017

Esgrima Deportiva

Hoxe alumnado de 5º e de 3º recibiron,  por parte do mestre Xosé Piñeiro do clube Compostela Esgrima, unha clase sobre a evolución e tipos de espadas e sobre a Esgrima Deportiva: proteccións, materiais, usos, posición básica,... Logo tiveron un momento para facer unha práctica que de seguro lles soubo a pouco e quedaron con gañas de máis. Xoves e venres outros cursos seguirán coñecendo esta displicina. Moitas grazas a Xosé pola túa aportación ao proxecto. 



martes, 25 de abril de 2017

Charla de Mercedes Pintos para 1º de Primaria

Hoxe a historiadora Mercedes Gualteria Pintos, autora do libro "Picheleiros" da Ed. Positivas, tivo un encontro co alumnado de 1º de primaria, onde lles falou dos oficios da Idade Media, da creación da cidade de Santiago, do importante papel das mulleres naquela época, aínda que non fora moi recoñecido e de moitas máis cousas e curiosidades. Moitas grazas Mercedes por vir a compartir este momento con nós que sabemos que non foi fácil para ti falarlle a un público tan novo.



xoves, 20 de abril de 2017

Visita á Escola Mestre Mateo e Roteiro por Santiago do alumnado de 2º de Primaria.

Onte tocoulle a quenda aos de 2º, que tiveran que aprazar a saída por mor do temporal. Á primeira hora visitaron os Obradoiros da Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo onde tan ben nos acollen sempre e logo, tras unha breve pausa para repoñer forzas, continuaron co percorrido guiado por Santiago. Unha mañá tan productiva coma agotadora pero que pagou a pena.





xoves, 6 de abril de 2017

VIAXE EN TREN POR SANTIAGO DO ALUMNADO DE 3 ANOS.

O pasado 17 de marzo, e dentro das actividades do proxecto "Santiago Medieval", o alumnado de 3 anos fixo un percorrido guiado por Santiago a bordo do tren turístico. Pasárono xenial e aprenderon moitas cousas da nosa cidade. Agradecemos a Autocares Mosquera as facilidades dadas para poder levar a cabo esta actividade.




xoves, 30 de marzo de 2017

Roteiro literario dos de 6º con Merche Espiño.

Desta vez si que fixo bo tempo e onte o alumnado de 6º puido realizar a saída. Primeiro visitaron os obradoiros da Escola de Artes e Oficios "Mestre Mateo" e a Libraria Couceiro, onde lle falaron dos libros antigos, distintos papeis, encadernación,... Logo iniciaron o roteiro literario por Compostela da man de Merche Espiño, que anteriormente xa traballara con eles no colexio a lírica medieval. Grazas,  de novo, á Escola, á libraria e a Merche Espiño polo seu trato e dedicación.




martes, 28 de marzo de 2017

Percorrido por Santiago e visita á Escola de Artes e Oficios 5º primaria.

       O pasado venres 17 de marzo, tocoulle a quenda aos de 5º de primaria para meterse "in situ" no "Santiago Medieval". Fixeron primeiro unha visita aos Obradoiros da Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo e logo guiados por dúas técnicas do Concello, fixeron o percorrido por Santiago. Outra gran experiencia.







venres, 24 de marzo de 2017

Percorrido Casco Histórico Santiago de 3º e Escola de Artes e Oficios

O pasado venres 17 de marzo, tocoulle a quenda de saídas aos cursos de 3º. Fixeron un percorrido por Santiago partindo dende a Alameda e logo visitaron os obradoiros da Escola de Artes e Oficios, onde nos atenderon estupendamente e tamén aprendemos moito.








mércores, 22 de marzo de 2017

Taller sobre a elaboración do pan na Idade Media

Hoxe nunha aula de Infantil tivemos a sorte de contar con dúas nais que nos explicaron aspectos relacionados coa Gastronomía na Idade Media, en concreto sobre a elaboración do pan.
Os cereais que utilizaban, os distintos panes que comían segundo a clase social, o funcionamento dos fornos nas aldeas e nas cidades...
E logo os peques elaboraron coas súas mans pan de trigo (o que comían os máis privilegiados) e degustaron un riquísimo pan de centeo cocido por unhas das nais (que era o que comían as clases sociais máis baixas).
Moitas grazas a estas dúas nais pola súa colaboración.




Charla do arqueólogo Mario César para infantil 5 anos e 1º de primaria.

      Hoxe tivemos o gran pracer de escoitar a Mario César, arqueólogo que dirixiu, entre moitas outras, as investigacións e excavacións do Castelo da Rocha Forte. Ademais é pai de Iago, alumno de Infantil que actuou de axudante. Mario faloulle ao alumnado de Infantil de 5 anos e de 1º de primaria de como xurdiu a cidade de Santiago, dos segredos que garda, da época medieval, das catapultas e bolaños,...e do Castelo da Roche Forte. Tamén aclarou as numerosas preguntas e curiosidades dos cativos/as. Un pracer escoitalo, e agradecerlle a súa predisposición e os libros cos que nos agasallou.

martes, 21 de marzo de 2017

Día da Poesía "Lírica medieval"

O alumnado de 6º agasallounos, para conmemorar o Día da Poesía, cun pequeno percorrido pola "Lírica Medieval". Faláronnos dos distintos tipos de cantigas, dos xograres, dos trobadores,... e recitaron distintos versos de Martin Códax ou Pero Meogo.